Inicio Castellano English

OS MÚSICOS/AS

A BANDA

LorenzoÁLEX LORENZO

"Alex Lorenzo é o nome artístico de Alejandro Lorenzo Díaz, músico, arranxista e compositor nado en Vilanova de Arousa.

Estudou o Grao Elemental na Escola Municipal de Música Bernardo Del Río, de Vilagarcía de Arousa, e o Grado Medio no Conservatorio Profesional da mesma localidade, graduándose na especialidade de guitarra.

Obtivo a diplomatura en Maxisterio Musical pola Universidade de Vigo na Escola de Formación do Profesorado de E.X.B. de Pontevedra.

Cursou ademáis estudos de Composición no Conservatorio Superior de Música de Vigo, e estudos de jazz na Escola de Música Estudio de Santiago de Compostela e no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra.

Coñeceu a Nelson Quinteiro no verán de 2011, e só faltou un par de sesións de ensaio para conformar, man a man, unha proposta musical que cristalizou co disco "Orquesta Gharbo!"

Máis información sobre Álex Lorenzo "Máster".

CastroFRAN CASTRO

Pianista, baixista, cantante. Coñecido pola súa participación en bandas como Strauss (vocalista) ou Mr Dixie Jazz Band (Dixieland) a Rumba Oeste (Rumba) ou Pulpiño Viascón (nestes tres como pianista).

Agora mesmo toca o piano con Silvia Penide (Cantautora), Turma Caipira (Música do Brasil) e é baixista e unha das voces en Los Mecánicos.

Estudiou Son na Escola de Imaxe e Son da Coruña facendo o son e compoñendo a música para curtametraxes.

Estudou piano, voz, harmonía e arranxos e composición en Estudio Escola de Música (Santiago) e tamén clásico no Conservatorio coruñés e logo no Superior de Jazz da Coruña.

Coñeceu a Nelson Quinteiro de cara a montaxe do espectáculo "Master Class Cabaret" da Compañía Femme Fatale no marco do VII Festival Galego de Cabaré, e dende aquela comezaron a colaborar xuntos no que sería xa a posta en marcha do proxecto "Orquesta Gharbo!"

Máis información sobre Fran Castro.

ViascónPULPIÑO VIASCÓN

Home orquesta, multiinstrumentista, clown e personaxe en sí mesmo ten formado parte das mellores bandas do rock galego, como “Os Diplomáticos de Monte Alto” ou “O Jarbanzo Negro”.

Colabora regularmente con un cento de músicos que van dende Manu Chao a Xoel López, Iván Ferreiro, Silvia Penide ou outros, e ten participado de propostas escénicas de calado como a Carpa de Nunca Mais ou a Cultura Circula da Xunta de Galicia xunto coa compañía teatral “Chévere”.

Entre os seus éxitos máis recentes contan a súa participación no grupo BONOVO ou o premio A POLO GHIT da Radio Galega co videoclip “In the Ocean”, a participación na presentación oficial do libro "Os libros arden mal" de Manolo Rivas, etc...

Actualmente, ademais de mover un espectáculo de serrucho e acordeón con proxeccións participa da Banda de Tonhito de Poi e como non, na Banda Gharbo! de Nelson Quinteiro!

Máis información sobre Pulpiño Viascón.

DubiEDUARDO MÉNDEZ "DUBI"

Dende 1998, traballa como coordinador da Área de Música Tradicional e mestre de gaita na Escola de Música da Coruña, onde entra en contacto coa música moderna e jazz. Comeza co saxofón en 2004.

Participa en master class de saxofón con John Cennet Jhonson, Jean Toussaint, Martin Hathaway, e harmonía moderna, composición e arranxo con José Antonio Acuña, Scot Stroman e Nikki Iles. Entra como alumno de saxo na primeira promoción da especialidade de jazz: a teoría e práctica da improvisación no Conservatorio de Música da Coruña; baixo a dirección de Roberto Somoza.

Participa de varios proxectos dirixidos e compostos por Scot Stroman como a Jazz Masa, co trompetista Kenny Wheeler, ou o proxecto baseado na música tradicional galega no que coopera activamente. Nos últimos tempos frecuenta varios cursos con Xefa Alonso e continúa o seu adestramento.

Máis información sobre Eduardo Méndez "Dubi".

COLABORADORES

ViascónSILVIA PENIDE

Nacida na Coruña, tamén en 1979, é unha cantante e guitarrista cunha pegada espectacular.

Como cantautora conta con catro traballos discográficos, de estilo pop acústico.

Comezou a tocar a guitarra con 14 anos, e deseguido comezou a compoñer. En 1997 autoeditou a súa primeira maqueta, Alicerce. Repetiu o formato con Azul (1999) e Mundo de cuerdos (2001). O seu primeiro disco é Kilómetros (2003), ó que seguiron Invisible (2005), Desafinante crónica (2007) e As Erres Dobles.

Actualmente está de xira co seu último traballo "Animal de compañía" (2012)

No disco "Orquesta Gharbo" pon a voz ao tema "As Mans Perdidas", un dos temas "crónicos" de Quinteiro nos espectáculos "As mans perdidas", "Danza e contradanza" ou "Gharbo" e que no seu debut discográfico preferíu cederllo á voz desgarrada pero firme desta indispensable artista coruñesa que consigue, cunha volta de parafuso, agasallarnos cunha xoia de tema que fala doas fatigas das traballadoras da conserva na antiga factoría de Massó en Cangas do Morrazo.

Máis información sobre Silvia Penide.

OuteiroXANDRE OUTEIRO

Nelson Quinteiro coñeceu a Xandre Outeiro alá polos tolos anos composteláns de arrincando o terceiro milenio. Cunha pandeireta sempre ás costas e o sorriso por bandeira, Xandre Outeiro fixo da súa paixón, o mundo da música tradicional a sua profesión

O son das ferriñas formou parte da banda sonora das nosas vidas, e separados, pero mirándose sempre de esguello, seguironse as traxectorias. Xandre formou parte do grupo "O Tear de LLerena" que puxo a voz dos homes á pandeireta nas súas máis altas cotas.

Fundou e dirixíu o vangardista e orixinal "Projecto Trépia", unha das apostas máis arriscadas, porén máis interesantes arredor da música e da danza tradicional galega, revolucionando o sur de Galicia e creando un xermolo que está a xerminar na AC Trépia de Pontevedra, que tamén coordina.

Gañador de varios premios "GZCrea" e coordinador dun feixe de agrupacións folclóricas, a súa pegada sería difícil de describir nestes parágrafos, se ben quédense cun nome: "A máquina de meter medo"; un proxecto de zanfona man a man xunta a Cayetano Amenábar que tamén recibíu o premio GZCrea e que fan da zanfona unha máquina de meter medo

En "Orquesta Gharbo!" deixa unha pegada especial á zanfona, coros ou percusións que máis adiante cristalizará en outro tipo de historias... E ata aqui podemos leer!

Máis información sobre Xandre Outeiro.

FaltriqueiraMARÍA FALTRIQUEIRA

Pontedeume, 1977.

María e Nelson coñecéronse unha noite de troula no, para nós, xa lexendario "Celeiro do Santiso" de Santiago de Compostela e andiveron ata altas horas da noite poñendo banda sonora á Praza da Quintana cun grupo de amigas que logo derivarían no mítico grupo "Faltriqueira" que despois de colaborar con "Luar na Lubre" coa cantiga "Herva de Namorar" convertiríase nun dos grupos máis internacionais de música galega e que mesturarían a música tradicional de tradición oral coa polifonía e arranxos pop.

A imaxe que podedes ver trátase dun encerro universitario na faculdade de Bioloxía no para nós tamén xa lexendario movemento contra a LOU.

Traballadora insaciable e alma máter das faltriqueiras, María anda embarcada nun proxecto do máis interesante e exitoso con Maxin Blanco "A Nena e o grilo nun barquiño".

No disco "Orquesta Gharbo" porá parte do seu arte e bon facer, sendo o punto de partida de proxectos comúns que a cercanía e o agarimo farán posible.

Máis información sobre María Faltriqueira.

estalotesOS ESTALOTES

Unha das colaboracións máis especiais do disco "Orquesta Gharbo!" está na participación dun grupo de homes membros da comparsa "Os Estalotes".

Todos os que coñezan as noites dos venres da Rúa de San Pedro en Santiago de Compostela saberán que "Os Estalotes" son unha agrupación permeable, aberta, esmorgueira pero ao mesmo tempo de grande calidade pola que pasaron varios dos mellores músicos do país

Iso por non falar das súas voces, un grupo de homes cantareiros de voces ben curtidas que ben ao son da gaita, do acordeón ou da percusión fan unhas polifonías que fan tremer ao máis purista.

Moito ten andado Quinteiro con esta tropa cando andaba a estudar en Santiago, e moito ten aprendido deles, no musical e no humano.

Cunhas personalidades do máis carismáticas e poñendo voz ao tema "Tango da Illa" agardamos que este sexa o comezo de moitas experiencias conxuntas.

Sirva tamén, esta participación de homenaxe a Morgan, alma máter da banda por sempre, estexa onde estexa que na gloria sexa; e para os amigos Manel, Xosé, Xavier, ou tantos outros dunha humanidade e talla personal de altura. Grazas, amigos!

Máis información sobre Os Estalotes.

BAILARÍNS

VillarIVÁN VILLAR

Unha das posibilidades na posta en escena do disco "Orquesta Gharbo!" conleva o emprego da danza, da performance e das artes do movemento como complemento á música, tal e como aconteceu no espectáculo "Gharbo!" que no 2012 levamos adiante en co-producción co Centro Coreográfico Galego

Para elo contamos coa colaboración de Iván Villar, membro, con Quinteiro da compañía CONTRA2 e que pon o seu arte ao servizo das novas instrumentacións e intensidade do disco "Orquesta Gharbo!"

Iván Villar formou parte do Ballet Galego Rey de Viana dende o ano 1996 ata o 2006.

Trala disolución do mesmo forma parte da montaxe «Vacuo» do Centro Coreográfico Galego. Posteriormente incorpórase á compañía Nova Galega de Danza coa montaxe «Tradicción». Dirixe e coordina a Compañía Entrecaixas.

En flamenco destaca como solista da montaxe «Sueño Flamenco» de Beatriz Gamborino e Marco Vargas. Tamén forma parte do espectáculo «Rosas Negras» da Compañía El taller.

No 2008 funda a compañía CONTRA2 con Nelson Quinteiro, presentando, de cara o 2010 o espectáculo «CONTRA2: Danza e contradanza». No 2011 estrea o espectáculo infantil «Papirolexias» coa compañía CONTRA2

Actualmente está de xira coa producción "Dez" de Nova Galega de Danza.

SoteloMIGUEL SOTELO

Miguel Sotelo é membro da A.C. Lembranzas da Ría de Cangas do Morrazo dende o ano 2003, onde se formou como bailador e músico.

Máis tarde pasou a formar parte da A.C.F. O Fiadeiro, da compañía de música e danza GS21 e do grupo de pandereteiros O Tear de Llerena. Tamén foi director do grupo infantil da A.C. Lembranzas da Ría ata o 2012.

Durante estes anos, ampliou os seus coñecementos asistindo a numerosas clases cos mellores mestres de baile tradicional galego: Manolo Cobas, Chisco Feijóo, Serxio Cobos, Óscar Cobos, Carlos Xosé, Gustavo Couto, Luis Prego, Miguel Souto, Quique Peón, etc.

É membro fundador de Projecto ['trepia], no que participa como músico e bailador. En 2009 entra a formar parte da compañía de danza e música Circio e dous anos máis tarde da compañía de danza Quique Peón Cía, proxecto no que continúa inmerso actualmente.

Ademais, é director artístico e membro do grupo de baile Trébede da A.C. Loaira de Marin, así como director de baile da A.C. Retrouso de Cela (Bueu) e do grupo de danzas Ximalveira do Hío (Cangas).

Na actualidade tamén vén impartindo clases de baile tradicional galego na asociación cultural O Arco de Vilanova, na A.C. Trepia en Pontevedra, na A.C.F. Tarambainas e na escola da A.C.F. O Fiadeiro, ambas de Vigo, e na A.C. Ardanceiros (Marín).

Ao longo destes anos, tamén imparte varios cursos de baile en diversas asociacións e en Centros Galegos. Ademais, imparte seminarios de baile tradicional galego fóra de Galicia en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

Máis información sobre Miguel Sotelo.

Contratacións: Koldobika Gomila koldobika.gomila@gmail.com TL.:886 311 513 / 615 684 769
Deseño: Javier Gutiérrez 3x3pixels.com