Novas proxecto

http://gharbo.org/crowdfunding/images/COLON.jpg

Un conxunto de 12 artistas arroupan a Nelson Quinteiro na presentación oficial do disco "Orquesta Gharbo!" que terá lugar o 7 de febreiro no Teatro Colón da Coruña.

Despois dunha exitosa campaña de crowdfunding e dunha cadea de concertos para ir definindo o son; despois de rodearse de bos e xenerosos amigos e colaboradores/as e de gravar un impoñente disco nos estudios da Fundación SGAE de Santiago de Compostela da man de Gerardo Amigo, o disco "Orquesta Gharbo!", froito da xenerosidade e do esforzo, chega oficialmente ás táboas da grande catedral da música en vivo de Galicia, o Teatro Colón da Coruña, nun espectáculo valente, multidisciplinar e dos que por mor da crise pouco se estilan.

Un grande equipo. Un grande espectáculo.

Polo escenario do Teatro Colón estarán, ademais de Nelson Quinteiro (voz, pedais de loop e delay, percusións menores, polifonía e bases sonoras), Álex Lorenzo (guitarras), Fran Castro (teclados e baixo), Pulpiño Viascón (zendrum, serrucho máxico, acordeón midi, etc...), Olivier Cano (saxo, traveseira), coas colaboracións da cantante María López (Faltriqueira) a cantautora pop Silvia Penide, ou o bailarín Iván Villar (Entrecaixas, Nova Galega de Danza). Se a estas caras lle sumamos as voces dun coro de homes formado por Manel, José, Xavier, Antón ou Xacobe (membros de grupos como "Os Estalotes" ou "Coral Cantigas e Agarimos" de Santiago de Compostela, acadamos un espectáculo grande, con momentos de grande emotividade pero tamén enexía, forza, e por momentos sensación épica no que a iluminación, escenografía e posta en escena veñen a reforzar o compoñente musical, convertíndose nun espectáculo integral no que a sensibilidade e a experiencia escénica de Quinteiro aflora para levarnos ao arquivo fotográfico de Manuel Ferrol ou Virxilio Vieites.

"Orquesta Gharbo!", Un son moi diverso.

O disco "Orquesta Gharbo!", prologado polo premiado escritor Diego Ameixeiras e definido como unha viaxe imaxinaria da man dunha esfera do mundo pódese explicar como un disco de música tradicional galega con influencias do mundo; un disco composto por nove cancións con sonoridades pop, pasando por temas con arranxos de música mediterránea, tango, música trovadoresca, Angola ou Cabo Verde, Portugal, Euskadi. O barrio de San Pedro en Santiago de Compostela, Cangas do Morrazo, A Coruña, o Mar do Orzán. Editado por medio da discográfica Inquedanzas Sonoras (www.inquedanzas.com) está á venda xa nos principais canles de distribución de música do país, ademais de ter unha propia lonxa on-line na ligazón www.gharbo.org/crowdfunding

Onde escoitalo Podedes escoitar parte dos temas do disco e unha entrevista a Nelson Quinteiro premendo na ligazón de abaixo:

Merca a túa entrada As entradas para este espectáculo, cunha entrada dende 10 € a 15 € están dispoñibles na seguinte canle: http://taquilla.servinova.com/ventaentradas/es/otras-musicas/teatro-colon/3220-nelson-quinteiro-presentacion-do-disco-orquesta-gharbo.html ou na billeteira do propio teatro. Hai descontos dispoñibles para estudantes; maiores de 65 anos; aforados ao Teatro Colón ou grupos de 20 persoas. Podes adquirir a túa entrada con un 40 % de desconto especial no portal www.oferplan.com http://oferplan.lavozdegalicia.es/plan-oferta/a-coruna/concierto-de-nelson-quinteiro/2060

Nelson Quinteiro grava o seu primeiro disco "Orquesta Gharbo!" na sede da Fundación Autor Arteria Noroeste-SGAE de Santiago de Compostela.

O 16 de setembro de 2013, o proxecto "Orquesta Gharbo!" de Nelson Quinteiro entraba en proceso de gravación nos estudos da Fundación Autor-Arteria Noroeste SGAE de Santiago de Compostela, da man de Gerardo Amigo, productor técnico do proxecto.

Dende entón e ata o xoves 10 de outubro desfilaron polo estudo músicos como Pulpiño Viascón, que puxo as percusións, o zendrum ou o serrucho, Álex Lorenzo, artífice das guitarras, Fran Castro ao piano e ó baixo e mais Eduardo Méndez "Dubi" que aportou a sección de ventos con saxo soprano, saxo tenor e mais traveseira.

Ademais destes 4 artistas, que xunto con Nelson Quinteiro forman a "Banda Gharbo!" tamén tivemos o privilexio de contar cunha galería de colaboradores/as do máis variadiño.

Dende Silvia Penide, que puxo a alma e o sentimento ao tema "As Mans Perdidas" a María Faltriqueira, que truxo o seu propio efecto para facer levedar a masa en temas como "Canto de Andar o Camiño", "Baldaio" ou "Dona Ausenda". Tamén tivemos a Xandre Outeiro, que nos prestou a súa zanfona para o tema "Dona Ausenda" ou as voces máis aguardentosas para a bravú e contundente versión da "Muiñeira de Sofán". E tamén un coro de homes de Santiago, membros de grupos como "Os Estalotes" ou a Coral "Cantigas e Agarimos", que fixeron do "Tango da Illa" un himno que nos leva directamente aos peiraos da emigración dos anos 50.

Todo para conformar un disco que estará formado por 9 temas, nun total de perto de 45 de música e que con moito gharbo! chegará, segundo o previsto, a ser publicado a finais de novembro deste ano.

Grazas a todos e todas o que fixéchedes posible este sono! Xa só quedan as mesturas e masterización! E vai quedar ben bonito!

Primicia mundial: ORQUESTA GHARBO! Nelson Quinteiro en Carballo. 2 de agosto de 2013.

Nelson Quinteiro chega a Carballo na programación de verán para ofrecer en primicia mundial o repertorio do seu disco “Orquesta Gharbo!” co que entrará en estudio próximamente e que é posible grazas a unha campaña de crowdfunding realizada entre os meses de abril a xuño.

Nelson Quinteiro fai a presentación en sociedade da nova formación e repertorio da “Orquesta Gharbo!” nun espectáculo multidisciplinar en Carballo.

O vindeiro 2 de agosto ás 22:30 h a Praza do Concello de Carballo vestirá de raia diplomática para albergar a presentación mundial do repertorio e banda escollida para o novo disco de Nelson Quinteiro “Orquesta Gharbo!”

Para elo, ofrecerase un espectáculo multidisciplinar no que participa o quinteto musical que formará a súa nova formación (Nelson Quinteiro á voz e ós pedais de loop, Álex Lorenzo á guitarra, Pulpiño Viascón á batería, serrucho e zendrum, Fran Castro ó piano e Eduardo Méndez “Dubi” á traveseira, saxo e gaita). >

Haberá ademais colaboracións especiais coma as do grupo Maghúa Pandereteiros que participarán ós coros dalgunhas das pezas de Quinteiro e que ademais ofrecerán varias pezas do seu disco “Corricán”.

Tamén teremos unha intervención da cantautora Silvia Penide, que porá voz á peza “As Mans Perdidas” do disco “Orquesta Gharbo!” e que nesta ocasión ofrecerá tamén dous temas do seu disco “Animal”.

Porán a guinda a todo isto o bailador Miguel Sotelo ou as actrices María Polo e Uxía Vázquez, que ofrecerán diferentes accións dramatúrxicas ou danza arredor dos temas da “Orquesta Gharbo!”

Será en Carballo, entón, o 2 de agosto ás 22:30, na Praza do Concello, ao aire libre; e completamente de balde.

A función, por medio da Rede Cultural da Excma Deputación da Coruña supón o pistoletazo de saída para o noso proxecto musical co que entraremos en estudio a partir do 19 de agosto, da man de Gerardo Amigo. Se todo vai ben o disco “Orquesta Gharbo!” estará na rúa a principios de outono deste ano.

Crowdfunding

Lembrarvos que todo isto está a ser posible grazas á colaboración de amigos/as e mecenas que teñen contribuído na campaña de crowdfunding para levar adiante este disco. Despois dos 40 días na plataforma www.verkami.com, e na que dimos recadados 1.897€ abrimos a nosa propia plataforma www.gharbo.org/crowdfunding que segue en activo e coa que xa chegamos ós 2251,84 €

Cando todo este proceso remate, a mesma plataforma será redirixida a unha nova páxina e convertirase nunha lonxa virtual.

Internacionalización

O proxecto Nelson Quinteiro e a Banda Orquesta Gharbo comeza a colleitar éxitos e recoñecementos. O pasado xoves 24 de xullo recibimos esta nova, que nos enche de orgullo e ao mesmo tempo responsabilidade de ofrecer un disco e un espectáculo á altura de todas as expectativas e apoios:

Estimado amigo: Nos complace comunicarte que el grupo Nelson Quinteiro y la Banda Gharbo ha sido seleccionado por el comité consultivo del área de Música formado por expertos independientes, para formar parte de la oferta cultural que el Departamento de Cooperación y Promoción Cultural, de la Dirección de Relaciones Culturales y Científicas de AECID, ofrecerá en el año 2014 a la red de Embajadas y Centros Culturales de España en el exterior

Seguimos informando… o 5 de agosto, luns, estaremos en Ourense, na terraza do Café Grándola, en formato dúo, e a finais de agosto chegaremos, segundo o previsto ás Festas do Cristo de Cangas.



 

Próximamente...

Neste momento andamos en plena campaña de distribución de cara a ir confeccionando unha xira tanto de verán coma de presentación do disco; este a partires dos meses de setembro-outubro.

Se eres un axente cultural, programador, sala de concertos, local ou particular interesado nos nosos concertps podes solicitar o teu dossier en PDF no que exlicamos os diferentes formatos e orzamentos no teléfono 666 014 494 ou no enderezo electrónico nelson.quinteiro@gmail.com

De momento temos apalabrados bolos en Carballo, Santiago de Compostela, Ourense, Cangas do Morrazo, A Coruña, Arteixo, Lugo, Vigo, Bilbao, Barcelona ou mesmo Iparralde (País Vasco francés), entre outros.

Pouco a pouco, e na medida en que estes se vaian confirmando e definindo porémosvos ao corrente por medio desta sección, que pretende ser ao mesmo tempo axenda e blog do proxecto.

Anteriormente...

 

 

Atrás
Su dirección IP es: 54.91.171.137
Copyright © 2017 GHARBO!